14 feb 2013

UN AMOR DE CONTO


En todos os CONTOS CLÁSICOS o AMOR é un sentimento que está moi presente.
Sabedes cal son os personaxes que representan o prototipo amoroso e que aparecen en case todos os contos?
Como non! Seguro que xa o adiviñastes! Son os príncipes e as princesas. 

Pero, como son os PRÍNCIPES e as PRINCESAS de conto?.
Hai príncipes de moitos tipos pero todos pertencen á realeza. Uns aparecen a cabalo, outros enfróntanse a adversidades máxicas ou rescatan donas en apuros. Son físicamente moi guapos e valentes e ao final sempre acaban casando coa princesa e vivindo felices por sempre.
As princesas son moi fermosas, con longos cabelos pero  as veces perden o seu status real (a Cincenta, Brancaneves). Son sensibles e adorables e preocúpanse dos demais. Ao final da historia sempre acaban casando co príncipe e viven felices e comen perdices para sempre.
Isto das perdices debía ser unha moda daquela época.
 Que pasaría se os personaxes de contos se volvesen tolos e se namorasen uns dos outros? Podedes imaxinalo?
· Cincenta namorada do Gato con Botas.
· Polgariño namorado de Brancaneves.
· A sereíña namorada  de Pinocho.
Poderíanse escribir cartas expresando os seus sentimentos de amor ou recitando versos estupendos.
Anímate a xogar coa imaxinación e dálle a volta do revés as historias dos contos?
Redacta a túa carta na plantilla adxunta e deposítaa na furna da biblioteca.
Recorda respectar as normas de presentación: non cometas faltas de ortografía, fai boa letra e unha bonita decoración.
Cando a teñas lista, pona dentro dun sobre (podes confeccionalo ti mesmo/a) e por suposto decóralo ao teu gusto.
Na parte frontal escribirás a quen vai dirixida e a dirección que pode ser inventada.  Na parte de atrás porás o nome do personaxe que envía a carta.




 Non esquezas tamén dicirnos cal é o teu nome e curso, podes escribilo na parte de atrás do sobre. E para rematar, podes decorar o selo como máis che guste.
Ao final da actividade recibiredes unha nova pegatina de Papirus para o voso albúm.

 E para rematar aquí tendes uns poemiñas de amor na nosa lingua:

O REI TIÑA UNHA FILLA
que morría de amor,
e por vela curada,
sen máis declaración,
ó Amor, queiras non queiras,
do reino desterrou.

O Amor, moi xuicioso,
Obedecendo a lei,
Camiño do desterro
Fóise co que era seu:
Cos bicos e coas rosas ...
¡ e coa filla do Rei !

              RAMÓN CABANILLAS
                (A rosa de cen follas)


POR AMOR
 Por amor nacín da terra.
Por amor son o que son.
Por amor canto o meu canto,
Por amor.

Por amor sángranme os pulsos
e ábreseme o corazón.
Por amor dóenme os ollos.
Por amor, só por amor.

                     DARÍO XOHÁN CABANA (1952)


AMOR DE AUGA LIXEIRA
muiñeira.

Amor de auga tardeira,
ribeira.

 Amor de auga frolida,
cantiga.

Amor de auga perdida,
miña amiga.

                        ÁLVARO CUNQUEIRO
                      (Cantiga nova que se chama Riveira)

No hay comentarios:

Publicar un comentario